Amosando publicacións coa etiqueta Actividades. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Actividades. Amosar todas as publicacións

venres, 12 de xuño de 2015

REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA (XUÑO)

2º CICLO ESO

A PRAIA DOS AFOGADOS, de Domingo Villar


ACTIVIDADES
 
Comentarios e análises sobre o contido do libro de lectura.


  • RELACIONAR

Hai que relacionar personaxes da novela cos trazos ou características que os identifican.

  • ORDENAR CRONOLOXICAMENTE

Nesta actividade hai que ordenar de forma cronolóxica unha serie de acontecementos que teñen lugar nesta obra.

  • LOCALIZAR

Sobre un mapa da Galicia atlántica, o alumnado ten que situar as localidades polas que se moven os protagonistas da novela, contando o que sucede en cada unha delas.


OPINAMOS 
    
Este libro gustoume por como mestura a intriga, o misterio e un chisco de humor. Do mesmo modo, tamén me agradou a forma en que fai que teñas as túas conxecturas e como, de súpeto, a persoa sospeitosa deixa de selo, o que te obriga a seguir coa intriga da lectura. A parte que me gustou especialmente foi o final do libro porque cada vez estabas máis preto de saber quen fora o asasino. Pola contra, non gocei moito no capítulo en que navega con Trabazo. O autor debería desenvolver un pouco máis algúns aspectos que teñen que ver coa vila para saber algo máis dos seus habitantes. Polo demais coido que todas as partes da novela son imprescindibles para a comprensión da mesma. En canto aos personaxes, gustaríame que o autor desenvolvese un pouco máis a figura de Rafael Estévez, xa que ten unha personalidade e un carácter moi particular. 
Recomendaría este libro a outras persoas porque, dende o meu punto de vista, é entretido e engancha dende a primeira páxina ata a última, e tamén por ese valor que lle dá ás liortas entre veciños que todos coñecemos. 
Aínda que xa lin deste autor outra novela titulada Ollos de auga, non me importa ler máis obras súas.
Ana María Gómez Sánchez

martes, 9 de xuño de 2015

REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA (XUÑO)

1º CICLO ESO

CHAMÁDEME SIMBAD,  de Francisco Castro

ACTIVIDADES 

Comentarios e análises sobre o contido do libro de lectura. 
  • SOPA DE LETRAS
          Nesta actividade hai que localizar o nome dos personaxes que aparecen na novela.
  • ORDENAR DE FORMA CRONOLÓXICA
          Hai que ordenar cronoloxicamente dez pequenos fragmentos desta obra.  



OPINAMOS


O libro non me gustou moito porque, ademais de curto, pareceume unha lectura moi sinxela, seguramente lle guste a xente máis nova. cambiaría bastantes cousas do libro, pero, sobre todo, alongaría a historia.
María Jesús Gómez Sánchez 


Este libro gusotume moito porque fala do alzhéimer e dá a coñecer esta enfermidade. agradoume especialmente a parte na que se reencontran Paulo e o seu avó.
Miguel Delpueblo López 


O libro gustoume desde os primeiros capítulos, cando o pai sempre está ao teléfono e o seu fillo lle di que xa ten a orella vermella de tanto falar. Ademais, no libro fálase da relación que manteñen Paulo e o seu avó enfermo de alzhéimer.   
Álvaro Fernández Lorido 


Gustoume moito este libro. A pesar de que trata dunha enfermidade moi complicada, hai partes que resultan divertidas. 
Ilyasse Lefsahi 


Pareceume un libro interesante e recomendable porque se aprende o que podes facer cos avós.
                                                                                                                  Christian Fernández Blanco 



venres, 24 de abril de 2015

REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA (ABRIL) 

2º CICLO ESO




 

REO, de Xesús Fraga









 Os alumnos e alumnas traballan en grupos pequenos tratando de resolver, de forma correcta e no menor tempo posible, as actividades propostas para esta lectura





 ACTIVIDADES

Ademais dos comentarios e análises sobre o contido do libro, o alumnado presente nesta reunión realizou as seguintes actividades:

  • SOPA DE LETRAS
Nesta sopa de letras hai que localizar o nome de dezasete personaxes que aparecen no libro Reo.
  • RELACIONAR
É un exercicio no que hai que relacionar os nomes dos personaxes da obra coas características que os definen.

  • ATRAPA O CAZAPO
A partir de vinte e cinco enunciados relacionados co contido do libro, o alumnado ten que identificar en cada un deles os datos falsos.




OPINAMOS 

 
A min gustoume este libro porque o  protagonista levaba unha dobre vida sen que o soubesen os pais e porque, a pesar de que os policías lle dixeron que parase de pintar, el seguiu ata que o vello grafiteiro lle dixo que o que estaba a facer era perigoso.
Ángela Álvarez López

Encantoume Reo pola dobre vida que leva o protagonista e por como lle oculta aos pais que é un grafiteiro. Tamén me gustou moito cando intentou axudar a súa amiga para que non  a obrigaran a volver ao Brasil, levándoa onda curmá que tiña en Madrid. Aínda que a viaxe non saíu como planearan, ao final todo acabou ben.
Iris Otero Gómez

Gustoume este libro porque fala dun rapaz que fai grafitis por toda a cidade e da competencia que mantén con outro grafiteiro que é tan bo coma el.
Omar Otero Gómez

Chamoume a atención deste libro o coñecemento que demostra ter o autor do mundo dos grafitis, que podemos ver no uso dun vocabulario específico: tags, bombardeos, potas… Gustoume esta obra porque engancha ao lector desde o principio e, a medida que vas avanzando, cada vez queres saber máis da historia.
Carlos Rodríguez González

venres, 17 de abril de 2015

REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA (ABRIL)

1º CICLO ESO

O VELENO DA RISA, de Jaureguizar



ACTIVIDADES 

Ademais dos comentarios e análises sobre o contido do libro, o alumnado presente nesta reunión realizou as seguintes actividades:

  • SOPA DE LETRAS
Nesta sopa de letras hai que localizar o nome de dezasete personaxes que aparecen no libro O veleno da risa.

  • QUEN É QUEN? 
É un exercicio no que hai que relacionar os nomes dos personaxes da obra coas características que os definen.

  • ATRAPA O CAZAPO
A partir de dezaoito enunciados relacionados co contido do libro, o alumnado ten que identificar en cada un deles os datos falsos.



OPINAMOS

 
Este libro gustoume, pero non me acabou de convencer. Aínda que resulta entretido, divertido, con aventuras e fácil de ler, pareceume moi infantil. Coido que é un libro que lle vai gustar moito a xente máis nova ca nós.
Mary Gómez Sánchez



O libro gustoume bastante por dous motivos: polo misterio e porque achega moita información sobre a cidade de Lugo e a súa historia.

Gocei moito cara ao final do libro cando dous falcóns recollen a Tintimán nas torres da Catedral de Lugo e o depositan no Escaravello do seu padrasto que o estaba agardando na praza.
Miguel Delpueblo López

Gustoume o libro, aínda que había palabras  e frases que non entendía moi ben. Non me importaría ler máis obras coma esta, pero que teñan un léxico máis sinxelo.
Ilyasse Lefsahi