O avó fai cousas raras. Esquécese de todo. Cámbialle o nome a todo o
mundo. Incluso ao seu neto. Que se chama Paulo, pero que para o avó é
Simbad o Mariñeiro.
As cadeiras son barcos e os piratas rodéanos por todas partes. E hai
filibusteiros inimigos alí onde mires. Os adultos, coa súa mirada de
adultos, non poden entender nada. Pero Paulo sí que comprende o avó.
Porque é un neno con mirada de neno. El é o único que o entende. El é o
único que, cando as cousas se poñan feas, vai saber como actuar.
Paulo, ou Simbad o Mariñeiro, tanto ten, loitará contra a enfermidade do
avó, contra dos adultos e, sobre todo, contra do egoísmo.
2º CICLO ESO:
A praia dos afogados,de Domingo Villar
A novela parte dun descubrimento
estarrecedor. Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola
marea ata unha praia da vila de Panxón, na ría de Vigo. Se non fose
porque ten as mans atadas cunha brida de plástico, Xusto Castelo había
ser outro mariñeiro que encontrou a súa tumba entre as ondas mentres
pescaba. Sen testemuñas nin rastro da embarcación do finado, o lacónico
inspector Leo Caldas mergúllase no ambiente mariñeiro para tratar de
clarexar o crime entre homes e mulleres que recean de desvelar as súas
sospeitas e que, cando deciden falar, apuntan nunha dirección insólita
de máis. Un caso difícil para Caldas, que pasa malos momentos: o único
irmán do seu pai está enfermo de gravidade e a súa colaboración no
programa radiofónico de Onda Vigo estase volvendo cada vez máis
inaturable. Tampouco non facilita as cousas o carácter arroutado de
Rafael Estévez, o seu axudante aragonés, que non se dá adaptado á
retranca e os sobreentendidos dos galegos. Domingo Villar volve
introducir o lector nunha intriga sen acougo. Unha pescuda policial que,
nesta segunda novela protagonizada polo inspector Leo Caldas, tamén é
unha esculca na memoria e nas ilusións fanadas
mércores, 18 de marzo de 2015
LECTURAS PARA ABRIL
1º CICLO ESO:
O VELENO DA RISA, de Jaureguízar
Os planos do século III que se usaron para construír a muralla de Lugo
aparecen nunha escavación arqueolóxica. O misterioso Home da Máscara
consegue facerse con eses documentos e Tintimán, o reporteiro máis novo e
espelido de Galicia, terá que recuperalos e desenmascarar o malvado. O
delincuente está disposto a negociar: a cambio dos planos quere unha
xoia castrexa, O carneiro alado, que Tintimán deberá roubar no Museo
Provincial. Misterio, asasinatos e amor, nunha nova aventura de
Tintimán, esta vez na cidade de Lugo.
2º CICLO ESO:
REO, de Xesús Fraga
Esta é a historia de Reo, un rapaz calquera dun barrio calquera. Pero Reo é o rei dos graffiteiros da cidade: o que máis bombardea coa
súa sinatura, o máis comprometido coa súa arte; o mellor. O graffiti é o
que lle permite dar saída a todas as inquedanzas que lle bolen na
cabeza. Ata que un día un misterioso rival o reta nos muros da cidade.
Unha confrontación da que emerxerá transformado, aínda que non como Reo
espera. Velaquí un dos argumentos da novela gañadora do Premio Raíña
Lupa de Literatura Xuvenil 2013 e na que, ademáis de envolvernos nunha
trama trepidante arredor de Reo, o hip hop, as bandas dos barrios e ás
veces a tristeira vida cotiá de quen ten horizontes máis grandes, deita
unha interesante reflexión sobre a vida dos mozos e mozas dos nosos
días, sobre as súas angueiras e esperanzas. Reo está escrita nunha
linguaxe directa que nos atrapa dende o primeiro instante, como un
graffiti colorido e ben feito. Directo. Engaiolante. Definitivo.
Como imos contar coa presenza da escritora do Incio na primeira quincena de marzo no noso centro, aproveitaremos a ocasión para lermos algunha das súas obras narrativas máis sobranceiras.
1º CICLO ESO:
E XOEL APRENDEU A VOAR
Xoel é un neno
abúlico, que leva unha vida pasiva e sedentaria. Prefire mil veces estar diante
do ordenador ca ir xogar cos amigos. Seus pais prevén a posibilidade de mandalo
a un ximnasio, mais a Xoel parécelle innecesaria toda actividade que requira un
mínimo esforzo. A súa vida cambiará dunha maneira progresiva na obra. O
protagonista vivirá aventuras incribles cos seus amigos, que o levarán a
descubrir lugares e segredos inesperados, grazas a unha persoa anónima que
parece sabelo todo del.
2º CICLO ESO:
CONFUSIÓN E MORTE DE MARÍA BALTEIRA
Unha incursión narrativa no mundo das nosas
lendas, máxico e poliédrico; unha revelación do universo feminino (a presenza
dignificada de tantas mulleres que se revelan e se rebelan) adoito oculto e
in-comprendido; o empeño por corporeizar e materializar vellas personaxes do
imaxinario popular, tan real canto ignorado; un no vo
deseño do histórico e mais do fantástico, tratados como formas de coñecemento
rupturista... Do caos e da fragmentación aparente viaxamos, da man de Marica
Campo, ao cosmos peculiar e único dun universo inequivocamente galego. Eis o
convite audaz e enriquecedor que a escritora nos formula nesta ducia de novelas
en síntese que encerran as páxinas de Confusión e Morte de María Balteira, a
obra madura e feita que suporá, de certo, un salto cualitativo na narrativa dos
nosos días.
Soledad,
a profesora de lingua, está farta de que os seus alumnos non se
esforcen na clase. A súa desesperación chegou ao límite, e dálles unha
importante noticia: antes de rematar o día, asasinará a un deles, se non
a conseguen deter antes. Gaspar e Tasio, coa axuda de Ana, Matilde e
Xulio conseguirano, descifrando toda clase de enigmas.
Neste libro ti tamén poderás descifrar moitas adiviñas e enigmas.
As pelexas na rúa entre bandas rivais desencadean tal violencia, que moitas rematan de forma tráxica. Os
conflitos familiares, a marxinación, a ausencia de futuro... levan
algúns mozos a buscar na rúa e no grupo o que non encontran na casa.
Pero sempre queda un fulgor de esperanza.FrancisFord Coppola levou ao cine esta novela que describe a dura realidade na que se moven os adolescentes nos suburbios das grandes cidades.
"O escritor só comeza a escribir o libro. O lector remátao"
Johan Wolfgang von Goethe
BENVIDOS/AS AO CLUB DE LECTURA
FOLLAS BRAVAS
No presente curso escolar comeza a súa andada o club de lectura do CPI de Navia de Suarna. Desde este apracible concello, no raiante de Galicia, pretendemos botar a semente na nosa mocidade para que xermole neles o amor pola lectura, polos libros. Estes marabillosos colegas van estar eternamente connosco, aínda que non sempre lles prestemos a atención que merecen. Con eles imos pensar, rir, chorar, viaxar, namorarnos... emocionarnos. Neles sempre encontraremos a resposta a todas as nosas incertezas.
Grazas á lectura, dende este pequeno recuncho da montaña luguesa navegaremos polo río das palabras que nos dá a vida; atravesaremos o cordal da impericia, da barbarie, do escurantismo, da rudeza e do esquecemento, e así, achegarémonos á beira do inmenso océano de historias propias e alleas.
LECTURAS PARA O MES DE NOVEMBRO
1º CICLO DA ESO:
Os Megatoxos son catro mozos que teñen que compatibilizar as clases no
instituto, cunha dobre vida que os impulsa a viaxar na procura dunha
cura para a súa mutación xenética, un cambio provocado por unha planta
moi especial, o Toxo. Esta planta mutante ten, entre outras, a
capacidade de viaxar no espazo e no tempo. O día en que Ruxe, Faísca,
Ninfa e Lúa comezaron o curso, apenas se coñecían. Mais un accidente
inesperado fará que as súas vidas muden para sempre. Decataranse de que
teñen algo especial en común, máis aló de asistir ao mesmo instituto, e
que nas súas vidas hai preocupacións máis fondas que entregar a tempo os
traballos de clase. Estraños poderes, aventuras sorprendentes e
misteriosos encontros. Os catro mozos terán que viaxar no tempo para
procurar respostas na terra dos seus antepasados, os celtas...
2º CICLO DA ESO:
Eliximos esta obra para inaugurar o club de lectura porque o seu contido está moi próximo á forma de vida que tiñan as xentes desta comarca até a chegada da segunda metade do século XX. De seguro que as familias do noso alumnado poden relatar historias tan marabillosas como as que aparecen reflectidas neste libro.
Á lus do candil é unha colección de 15 relatos nos que a imaxinación e o humor xogan un papel importante á hora de desenvolver as sorprendentes historias de misterio que xorden da vida cotiá. Como os contos narrados ao carón da lareira, as historias de Fole teñen frescura e espontaneidade grazas á súa lixeireza. É a descuberta dun mundo máxico que se confunde co real, dos misterios que xorden da vida cotiá, onde por tras das aparencias xorden historias insospeitadas, contos de aparecidos, de lobos, de premonicións e soños fantásticos...
"OS LOBOS". Vídeo que recrea o conto de Ánxel Fole (incluído en Á lus do candil).
OUTROS VÍDEOS QUE RECREAN CONTOS DE MEDO
"O SUSO". Este relato pertence ao libro O crepúsculo e as formigas, de Méndez Ferrín
"EL GATO NEGRO". Curtametraxe baseada no conto do mesmo título de Edgar Allan Poe
Se che gustou este conto, preme aquí e poderás ver máis relatos de Edgar Allan Poe.
"SOBRE A MORTE DO BIEITO". Curtametraxe baseada no relato homónimo incluído na obra Dos arquivos do trasno, de Rafael Dieste.