martes, 9 de decembro de 2014


CINEMA E VIOLENCIA DE XÉNERO


Entre as diversas actividades que se están a realizar no centro con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, imos ver neste mes de decembro unha película que trata esta problemática. A elección non foi fácil, xa que houbo que buscar unha que non violentase a sensibilidade dos rapaces e rapazas -estamos a falar de xente menor de dezaseis anos-. De todas as opcións, cremos que un dos filmes que mellor explica a praga que están a padecer moitas mulleres é o que dirixiu Icíar Bollaín o ano 2003 e que leva por título Te doy mis ojos.



http://www.filmaffinity.com/es/film942734.html


Pilar foxe en plena noite da súa casa, situada nun barrio periférico e residencial de Toledo; leva consigo o seu fillo duns oito anos. Na súa fuxida busca refuxio na casa da súa irmá, unha restauradora de arte que leva unha vida independente ao lado da súa parella escocesa, ambos os dous residen na parte vella e histórica de Toledo.

Pilar é unha vítima máis dos malos tratos conxugais, que intenta refacer a súa vida e empeza a traballar como caixeira de visitas turísticas na igrexa que alberga o cadro El entierro del Conde de Orgaz. A través do seu novo traballo comeza a relacionarse con outras mulleres. Antonio, o seu marido, emprende a súa busca e a súa recuperación, promete cambiar e busca axuda nun psicólogo. Pilar dálle outra oportunidade, coa oposición da súa irmá, que é incapaz de entender a súa actitude.

A pesar dos esforzos de Antonio por seguir os consellos da terapia, a súa personalidade violenta e inseguridades pódenlle e remata espindo e humillando publicamente nun balcón a súa muller.

A película remata cun final aberto no que Piar, escoltada polas súas compañeiras de traballo, recolle as súas cousas do domicilio para emprender unha nova vida, mentres Antonio mira pensativo.