xoves, 23 de abril de 2015



DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO





Un ano máis chega o 23 de abril e dispoñémonos a celebrar en todo o mundo o Día Internacional do Libro.



  • Cal é a súa orixe?

  A idea orixinal da celebración do Día do Libro partiu de Cataluña, do escritor valenciano Vicente Clavel Andrés, propoñéndoa á Cámara Oficial do Libro de Barcelona en 1923 e aprobada polo rei Alfonso XIII de España en 1926. O 7 de Outubro dese mesmo ano foi o primeiro Día do Libro; pouco despois, en 1930, instáurase definitivamente a data do 23 de abril como Día do Libro.

Hai que agardar até o ano 1995 para que esta efeméride sexa universal. Esta celebración foi proposta pola Unión Internacional de Editores (UTE), e presentada polo goberno español á Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO). Ese mesmo ano aprobouse proclamar o 23 de abril de cada ano o "Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor".


  • Por que celebramos hoxe esta efeméride?

 O 23 de abril é unha data simbólica para a literatura mundial. Nun día coma hoxe do ano 1616 faleceron Cervantes, Shakespeare e Inca Garcilaso de la Vega. Tamén coincide co nacemento ou a morte doutros autores prominentes como Maurice Druon, Haldor K. Laxness, Vladimir Nabokov, Josep Pla e Manuel Mejía Vallejo. Ademais, cadra con Sant Jordi -San Xurxo-, patrón de Alemaña, Aragón, Bulgaria, Cataluña, Etiopía, Xeorxia, Grecia, Inglaterra, Líbano, Lituania, Países Baixos, Portugal, Eslovenia e México, e é tradicional que os namorados e persoas queridas se intercambien unha rosa e un libro. Todo isto explica que a Conferencia Xeral da UNESCO, celebrada en París en 1995, elixise esta data para render unha homenaxe universal aos libros e aos autores e autoras dos mesmos, alentando a todos, e en particular a mocidade, a descubrir o pracer da lectura e a valorar as insubstituíbles contribucións daqueles que impulsaron o progreso social e cultural da humanidade. Respecto a este tema, a UNESCO creou o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, así como o Premio UNESCO de Literatura Infantil e Xuvenil a Prol da Tolerancia.




Ben, pois agora que xa sabedes algo máis sobre esta celebración, non me queda máis que invitarvos a todos e a todas a que visitedes a biblioteca do noso centro, seguro que ides encontrar algunha lectura que vos vai facer gozar.



TODOS/AS TEMOS UN LIBRO, ENCONTRA O TEU!

venres, 17 de abril de 2015

REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA (ABRIL)

1º CICLO ESO

O VELENO DA RISA, de Jaureguizar



ACTIVIDADES 

Ademais dos comentarios e análises sobre o contido do libro, o alumnado presente nesta reunión realizou as seguintes actividades:

  • SOPA DE LETRAS
Nesta sopa de letras hai que localizar o nome de dezasete personaxes que aparecen no libro O veleno da risa.

  • QUEN É QUEN? 
É un exercicio no que hai que relacionar os nomes dos personaxes da obra coas características que os definen.

  • ATRAPA O CAZAPO
A partir de dezaoito enunciados relacionados co contido do libro, o alumnado ten que identificar en cada un deles os datos falsos.



OPINAMOS

 
Este libro gustoume, pero non me acabou de convencer. Aínda que resulta entretido, divertido, con aventuras e fácil de ler, pareceume moi infantil. Coido que é un libro que lle vai gustar moito a xente máis nova ca nós.
Mary Gómez Sánchez



O libro gustoume bastante por dous motivos: polo misterio e porque achega moita información sobre a cidade de Lugo e a súa historia.

Gocei moito cara ao final do libro cando dous falcóns recollen a Tintimán nas torres da Catedral de Lugo e o depositan no Escaravello do seu padrasto que o estaba agardando na praza.
Miguel Delpueblo López

Gustoume o libro, aínda que había palabras  e frases que non entendía moi ben. Non me importaría ler máis obras coma esta, pero que teñan un léxico máis sinxelo.
Ilyasse Lefsahi


xoves, 26 de marzo de 2015



 VISITA DE MARICA CAMPO





Hoxe estivo no noso centro a escritora Marica Campo para explicarlle ao alumnado o proceso de creación e as fontes das obras  que tiveron que ler este mes.





















mércores, 25 de marzo de 2015

...E O CARRABOUXO CHEGOU A NAVIA!


Hoxe estivo no noso centro Xosé Lois González Vázquez, O Carrabouxo.


TRAXECTORIA ARTÍSTICA

Este debuxante galego leva publicando viñetas do Carrabouxo, personaxe co que comparte pseudónimo, dende o ano 1982 nos xornais La Región de Ourense e Atlántico Diario de Vigo, na revista Tempos Novos e, antes de desaparecer, no semanario A Nosa Terra.




Participou tamén en publicacións colectivas, entre estas: Humor gráfico galegoOs humoristas e a lingua ou Humor y toleranciaFrom Galicia whit humorVisto para sentencia-vamos a reirnos muy en serio del racismo-europa se rie del racismo, e tamén nas publicacións da Bienal da caricatura de Ourense e na mostra internacional portuguesa Humorgrafe




O SEU RELATORIO

Xosé Lois, O Carrabouxo, falou na primeira parte do seu relatorio da relación que existe entre a lingua galega e o humor. Na segunda, explicou os catro xéneros ou formas típicas do humor galego:
A retranca, que utilizamos para dicir o que queremos sen que lle pareza mal á outra persoa, pero sen intención de burla.
O trasacordo, cando nos desdicimos ou mudamos de opinión.
A sorna, que ten unha intención clara de atacar a outra persoa.
A rexouba é un tipo de humor que xoga coa burla e a exaltación, podendo chegar a ser ofensivo.

mércores, 18 de marzo de 2015

LECTURAS PARA ABRIL



1º CICLO ESO:



O VELENO DA RISA, de Jaureguízar




Os planos do século III que se usaron para construír a muralla de Lugo aparecen nunha escavación arqueolóxica. O misterioso Home da Máscara consegue facerse con eses documentos e Tintimán, o reporteiro máis novo e espelido de Galicia, terá que recuperalos e desenmascarar o malvado. O delincuente está disposto a negociar: a cambio dos planos quere unha xoia castrexa, O carneiro alado, que Tintimán deberá roubar no Museo Provincial. Misterio, asasinatos e amor, nunha nova aventura de Tintimán, esta vez na cidade de Lugo.







2º CICLO ESO:


 REO, de Xesús Fraga


Esta é a historia de Reo, un rapaz calquera dun barrio calquera. Pero Reo é o rei dos graffiteiros da cidade: o que máis bombardea coa súa sinatura, o máis comprometido coa súa arte; o mellor. O graffiti é o que lle permite dar saída a todas as inquedanzas que lle bolen na cabeza. Ata que un día un misterioso rival o reta nos muros da cidade. Unha confrontación da que emerxerá transformado, aínda que non como Reo espera. Velaquí un dos argumentos da novela gañadora do Premio Raíña Lupa de Literatura Xuvenil 2013 e na que, ademáis de envolvernos nunha trama trepidante arredor de Reo, o hip hop, as bandas dos barrios e ás veces a tristeira vida cotiá de quen ten horizontes máis grandes, deita unha interesante reflexión sobre a vida dos mozos e mozas dos nosos días, sobre as súas angueiras e esperanzas. Reo está escrita nunha linguaxe directa que nos atrapa dende o primeiro instante, como un graffiti colorido e ben feito. Directo. Engaiolante. Definitivo.

xoves, 26 de febreiro de 2015

ACTIVIDADES

DÍA DE ROSALÍA

Co gallo do día de Rosalía, no CPI Navia de Suarna celebramos as seguintes actividades:

  • VERSOS DE ROSALÍA
O alumnado do centro, amais de ler unha escolma de textos da nosa escritora, tamén escoitou a interpretación musical que varios autores fixeron dos seus versos.






  • VERSOS PARA ROSALÍA
Varios alumnos e alumnas fixeron un traballo de creación literaria a partir dalgúns versos de poemas de Rosalía de Castro. O resultado foi o seguinte: 

 

martes, 24 de febreiro de 2015

DÍA DE ROSALÍA


Dentro das actividades do club de lectura Follas bravas do CPI de Navia de Suarna, imos celebrar o 24 de febreiro o Día de Rosalía, co gallo da conmemoración do nacemento desta escritora. Se hai algún autor ou autora nas letras galegas que mereza un recoñecemento por parte da sociedade galega esta é, sen ningunha dúbida, Rosalía de Castro. Hai un par de razóns para que nos acordemos dela cada vez que chega esta data: o que supuxo a súa obra para o rexurdimento da nosa literatura e por como soubo entender a través dos seus versos a alma do noso pobo.
Dende o club de lectura cremos que a mellor forma de honrar a un escritor ou escritora é ler a súa obra. Daquela, imos aproveitar este día para recitar e escoitar algúns dos poemas da nosa poeta nacional que foron musicados por distintos intérpretes dentro da actividade que denominamos VERSOS DE ROSALÍA. Ademais, o alumnado do centro tamén lle quere dedicar uns poemas á nosa autora, partindo sempre dalgúns versos tirados da súa obra. A esta segunda actividade ímoslle chamar VERSOS PARA ROSALÍA.
Hoxe máis ca nunca, coidamos que é imprescindíbel achegar a obra de Rosalía ás xeracións máis novas do país para que a través dos seus poemas poidan entender mellor a Galicia actual, xa que os seus versos seguen a estar vixentes no noso tempo. Ademais, como din dende a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, tanto a súa poesía como a súa prosa son “base imprescindíbel para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural”.