xoves, 14 de maio de 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS


XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE
 (1906-1996)


A.   VIDA

 1906 – 1935: MOCIDADE, FORMACIÓN E GALEGUISMO POLÍTICO

  • Nace en Pontevedra, o 28 de outubro de 1906, nunha casa situada na praza do Peirao. Fillo de José María Filgueira Martínez e María Araceli Valverde Yaquero.
  • Comeza o bacharelato no Instituto Xeral e Técnico de Pontevedra.
  • Estuda simultaneamente as carreiras de Filosofía e Letras e Dereito na Universidade de Santiago de Compostela.
  • Participa no proceso fundacional do Seminario de Estudos Galegos onde pon en marcha a Catalogación Arqueolóxica e Artística de Galicia.
  • É nomeado correspondente da Real Academia Galega e secretario do Padroado fundacional do Museo de Pontevedra.
  • Inicia a súa actividade política en Labor Galeguista e, na Asemblea Constituínte de Partido Galeguista, é nomeado secretario técnico desta formación.
  • Rompe co Partido Galeguista e incorpórase a Dereita Galeguista.
  • Imparte na Universidade de Santiago o primeiro curso de Literatura Galega.
  • Gaña por oposición a Cátedra de Lingua e Literatura Española do Instituto “Balmes” de Barcelona. Máis tarde trasládase a Melilla e acaba impartindo docencia en Lugo.

 1936 – 1975: MADUREZ E COLABORACIÓN CO FRANQUISMO

  • Casa en Lugo con María Teresa Iglesias de Oscáriz. Este matrimonio vai ter cinco fillos: Araceli, Fernando, María Teresa, María del Pilar e Angelines.
  • Trasládase ao Instituto de Pontevedra.
  • Noméano membro numerario da Real Academia Galega.
  • Intervén na creación do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos.
  • Elíxeno  correspondente da Real Academia Española e, máis tarde, director do Museo de Pontevedra
  • É alcalde de Pontevedra entre os anos 1959 e 1968.
  • Participa en Burgos nos actos conmemorativos do XXV aniversario da exaltación de Francisco Franco á Xefatura do Estado.
  • Intervén nas Cortes nas discusións sobre a lei de compilación do Dereito Civil Foral de Galicia.
  • É elixido procurador en Cortes polo terzo de representación familiar.
  • Participa no proceso de creación, no seo da Universidade de Santiago, do Instituto da Lingua Galega.
  • Imparte cursos  e dá conferencias sobre literatura galega.
  • Recibe varias condecoracións: “Cruz de Alfonso X el Sabio” ao mérito docente, Cruz de Honor de San Raimundo de Peñafort e o “Pedrón de Ouro”.
  1976 – 1996: XUBILACIÓN E RÉXIME DEMOCRÁTICO
  • Xubílase como catedrático de instituto.
  • Participa na fundación do Museo do Pobo Galego.
  • É nomeado Conselleiro, adxunto á Presidencia da Xunta de Galicia para a Cultura, no primeiro goberno autonómico galego, presidido por Xerardo Fernández Albor.
  • Elabórase a Lei do Consello da Cultura Galega, do que chegará a ser presidente anos máis tarde.
  • Participa na creación de varias fundacións: Alfredo Brañas, Filgueira Valverde, Castelao e Alexandre Bóveda.
  • Recibe o premio “Trasalba” e é nomeado “Doutor Honoris Causa” polas universidades de Santiago e Vigo.
  • Falece o 13 de setembro do ano 1996.




B.   OBRA EN GALEGO



Narrativa

-      Os nenos (1925), ilustrado por L. Pintos e cuberta e contracuberta de Castelao.

-      O vigairo: ensaio simbólico, orixinal e inédito (1927), con portada de Camilo Díaz.

-      Quintana viva (1971).



Poesía

-      6 canciones de mar “in modo antico” (1941).



Literatura infantil e xuvenil

-      Agromar. Farsa pra rapaces (1936), asinada co pseudónimo J. Acuña.



Articulista

-      Adral. Nesta serie, editada entre 1979 e 1996, recóllense todas as colaboracións publicadas en distintos medios ao longo da súa vida.



Ensaio

-      O baldaquino en Galicia denantes do arte barroco, con Xosé Ramón Fernández-Oxea (1930).

-      Lago González. Arcebispo galego (1934).

-      Da épica na Galicia medieval, discurso de ingreso na RAG (1941).

-      A poesía medieval galego-portuguesa fóra dos seus lindeiros (1980)

-      Historias de Compostela (1982).

-      O arquivo do Museo de Pontevedra e unha guía sucinta (1988).

-      Santiago de Compostela, con fotos de Manuel G. Vicente (1989).

-      Estudios sobre lírica medieval: traballos dispersos (1925-1987), 1992.

-      Arredor do libro: artigos de bibliografía (1996)



Dicionarios

-      Vocabulario popular galego-castelán (1926).



Edicións

-      Cancioneiriño novo de Compostela (1969), Pombal, Edicións Castrelos, Vigo.

-      Afonso X e Galicia e unha escolma de cántigas (1980), Real Academia Galega.

-      Armando Cotarelo Valledor (1879-1950), 1984, Real Academia Galega.

-      Enrique Campo (1989), Deputación de Pontevedra.

-      Álvaro Cunqueiro (1991), Publicacións da Real Academia Galega.

-      Antoloxía do conto galego de medo (1996), Galaxia.








domingo, 3 de maio de 2015

LECTURAS PARA XUÑO



1º CICLO ESO:


Chamádeme Simbad, de Francisco Castro



O avó fai cousas raras. Esquécese de todo. Cámbialle o nome a todo o mundo. Incluso ao seu neto. Que se chama Paulo, pero que para o avó é Simbad o Mariñeiro.

As cadeiras son barcos e os piratas rodéanos por todas partes. E hai filibusteiros inimigos alí onde mires. Os adultos, coa súa mirada de adultos, non poden entender nada. Pero Paulo sí que comprende o avó. Porque é un neno con mirada de neno. El é o único que o entende. El é o único que, cando as cousas se poñan feas, vai saber como actuar.

Paulo, ou Simbad o Mariñeiro, tanto ten, loitará contra a enfermidade do avó, contra dos adultos e, sobre todo, contra do egoísmo.





 2º CICLO ESO:
 
A praia dos afogados, de Domingo Villar
 

A novela parte dun descubrimento estarrecedor. Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata unha praia da vila de Panxón, na ría de Vigo. Se non fose porque ten as mans atadas cunha brida de plástico, Xusto Castelo había ser outro mariñeiro que encontrou a súa tumba entre as ondas mentres pescaba. Sen testemuñas nin rastro da embarcación do finado, o lacónico inspector Leo Caldas mergúllase no ambiente mariñeiro para tratar de clarexar o crime entre homes e mulleres que recean de desvelar as súas sospeitas e que, cando deciden falar, apuntan nunha dirección insólita de máis. Un caso difícil para Caldas, que pasa malos momentos: o único irmán do seu pai está enfermo de gravidade e a súa colaboración no programa radiofónico de Onda Vigo estase volvendo cada vez máis inaturable. Tampouco non facilita as cousas o carácter arroutado de Rafael Estévez, o seu axudante aragonés, que non se dá adaptado á retranca e os sobreentendidos dos galegos. Domingo Villar volve introducir o lector nunha intriga sen acougo. Unha pescuda policial que, nesta segunda novela protagonizada polo inspector Leo Caldas, tamén é unha esculca na memoria e nas ilusións fanadas


venres, 24 de abril de 2015

REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA (ABRIL) 

2º CICLO ESO




 

REO, de Xesús Fraga









 Os alumnos e alumnas traballan en grupos pequenos tratando de resolver, de forma correcta e no menor tempo posible, as actividades propostas para esta lectura





 ACTIVIDADES

Ademais dos comentarios e análises sobre o contido do libro, o alumnado presente nesta reunión realizou as seguintes actividades:

  • SOPA DE LETRAS
Nesta sopa de letras hai que localizar o nome de dezasete personaxes que aparecen no libro Reo.
  • RELACIONAR
É un exercicio no que hai que relacionar os nomes dos personaxes da obra coas características que os definen.

  • ATRAPA O CAZAPO
A partir de vinte e cinco enunciados relacionados co contido do libro, o alumnado ten que identificar en cada un deles os datos falsos.




OPINAMOS 

 
A min gustoume este libro porque o  protagonista levaba unha dobre vida sen que o soubesen os pais e porque, a pesar de que os policías lle dixeron que parase de pintar, el seguiu ata que o vello grafiteiro lle dixo que o que estaba a facer era perigoso.
Ángela Álvarez López

Encantoume Reo pola dobre vida que leva o protagonista e por como lle oculta aos pais que é un grafiteiro. Tamén me gustou moito cando intentou axudar a súa amiga para que non  a obrigaran a volver ao Brasil, levándoa onda curmá que tiña en Madrid. Aínda que a viaxe non saíu como planearan, ao final todo acabou ben.
Iris Otero Gómez

Gustoume este libro porque fala dun rapaz que fai grafitis por toda a cidade e da competencia que mantén con outro grafiteiro que é tan bo coma el.
Omar Otero Gómez

Chamoume a atención deste libro o coñecemento que demostra ter o autor do mundo dos grafitis, que podemos ver no uso dun vocabulario específico: tags, bombardeos, potas… Gustoume esta obra porque engancha ao lector desde o principio e, a medida que vas avanzando, cada vez queres saber máis da historia.
Carlos Rodríguez González

xoves, 23 de abril de 2015



DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO





Un ano máis chega o 23 de abril e dispoñémonos a celebrar en todo o mundo o Día Internacional do Libro.



  • Cal é a súa orixe?

  A idea orixinal da celebración do Día do Libro partiu de Cataluña, do escritor valenciano Vicente Clavel Andrés, propoñéndoa á Cámara Oficial do Libro de Barcelona en 1923 e aprobada polo rei Alfonso XIII de España en 1926. O 7 de Outubro dese mesmo ano foi o primeiro Día do Libro; pouco despois, en 1930, instáurase definitivamente a data do 23 de abril como Día do Libro.

Hai que agardar até o ano 1995 para que esta efeméride sexa universal. Esta celebración foi proposta pola Unión Internacional de Editores (UTE), e presentada polo goberno español á Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO). Ese mesmo ano aprobouse proclamar o 23 de abril de cada ano o "Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor".


  • Por que celebramos hoxe esta efeméride?

 O 23 de abril é unha data simbólica para a literatura mundial. Nun día coma hoxe do ano 1616 faleceron Cervantes, Shakespeare e Inca Garcilaso de la Vega. Tamén coincide co nacemento ou a morte doutros autores prominentes como Maurice Druon, Haldor K. Laxness, Vladimir Nabokov, Josep Pla e Manuel Mejía Vallejo. Ademais, cadra con Sant Jordi -San Xurxo-, patrón de Alemaña, Aragón, Bulgaria, Cataluña, Etiopía, Xeorxia, Grecia, Inglaterra, Líbano, Lituania, Países Baixos, Portugal, Eslovenia e México, e é tradicional que os namorados e persoas queridas se intercambien unha rosa e un libro. Todo isto explica que a Conferencia Xeral da UNESCO, celebrada en París en 1995, elixise esta data para render unha homenaxe universal aos libros e aos autores e autoras dos mesmos, alentando a todos, e en particular a mocidade, a descubrir o pracer da lectura e a valorar as insubstituíbles contribucións daqueles que impulsaron o progreso social e cultural da humanidade. Respecto a este tema, a UNESCO creou o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, así como o Premio UNESCO de Literatura Infantil e Xuvenil a Prol da Tolerancia.




Ben, pois agora que xa sabedes algo máis sobre esta celebración, non me queda máis que invitarvos a todos e a todas a que visitedes a biblioteca do noso centro, seguro que ides encontrar algunha lectura que vos vai facer gozar.



TODOS/AS TEMOS UN LIBRO, ENCONTRA O TEU!