luns, 26 de xaneiro de 2015


REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA (XANEIRO)


2º CICLO ESO:





REBELDES, Susan E. Hinton





  
ACTIVIDADES:
 

Ademais dos comentarios e análises sobre o contido do libro, durante a reunión do club de lectura o alumnado participante tamén realizou as seguintes actividades:


  • MARCAR A OPCIÓN CORRECTA

O alumnado ten que elixir unha resposta correcta entre tres opcións posibles. As trinta e unha preguntas desta actividade teñen que ver co contido da lectura realizada polos discentes para este mes de xaneiro.

  • ORDENAR DE FORMA CRONOLÓXICA

Nesta actividade o alumnado ten que ordenar de forma cronolóxica trece parágrafos da novela Rebeldes.



OPINAMOS


Este libro gustoume moito por como se trata o delicado tema das clases sociais e a marxinación. É unha historia tenra e violenta ao mesmo tempo. Gocei moito con todos os personaxes, pero especialmente con Ponyboy, porque me sinto identificada con el, xa que aos dous nos gusta ler e, ademais, eu tamén sei o que significa ser a máis pequena da familia. Darry foi outro dos personaxes que me gustou. Paréceme importante o seu papel de irmán maior que ten que exercer de pai. Isto coido que ten que ser moi complicado para un rapaz tan novo coma el, aínda que sexa unha persoa moi madura. Outro personaxe interesante é Dally, que semella ser frío, maleducado e indiferente para esconder a dor que sente ao estar só. Ao ler este libro notei a fraternidade existente entre eles, porque todos se sentían un pouco sós. Non me importaría que actualizasen este libro. En xeral gustoume moito.
Ana María  Gómez Sánchez





O libro Rebeldes gustoume moito porque describe ben os personaxes e os lugares nos que se desenvolve a acción. Mantense a intriga ao longo das súas páxinas, o que fai que a medida que avanzamos na lectura queiramos saber máis cousas da historia. O que menos me gustou foi o final da historia, gustaríame que pasasen máis cousas antes do remate.

Mohamed Lefsahi





O que máis me gustou de Rebeldes foi o momento no que Jhonny mata a Bob, porque a partir deste intre os sucesos que pasan obrígante a que sigas lendo.

O personaxe co que máis me identifiquei foi Ponyboy, pola súa forma de ser e de actuar nos momentos máis críticos.

Recomendo a lectura deste libro. A min, ao principio, pensaba que non me ía gustar, pero unha vez que empecei a ler descubrín que as persoas poden vivir a súa vida dende diferentes puntos de vista. Por iso creo que todos os adolescentes deberían ler esta novela.

David Pérez López