venres, 21 de novembro de 2014

ESTREA DA PELÍCULA A ESMORGA



http://aesmorgafilme.com/
A Esmorga é unha traxedia aceda e cruel de tres homes marxinais e marxinados que ao longo de vintecatro horas deambulan polos arrabaldos de Auria -transfondo ficcional da cidade de Ourense-. Perseguidos pola xustiza e baixo a choiva e o frío da noite, Cipriano Canedo, obreiro (O Cibrán ou O Castizo), Juan Fariña (O Bocas, O Alifante), sen oficio coñecido, e Eladio Vilarchao (O Milhomes, O Maricallas), xastre de profesión, atopan o seu desafogo no alcol, no sexo e na violencia. A entrega aos praceres máis primarios, como fuxida á adversa realidade na que viven, lévaos á autodestrución.

A historia transcende a época e o espazo. Podería acontecer hoxe en calquera cidade occidental. Os tres esmorguistas constitúen prototipos de individuos alienados, con pouca conciencia de clase e cunhas condicións de vida que os levan á autoexclusión duhna sociedade que a súa vez lles dá as costas.













Se non lestes a novela, aproveitade para facelo agora. Así que a leades, comparade o texto de Blanco Amor coa obra cinematográfica.

martes, 18 de novembro de 2014





Unha das grandes pragas da sociedade moderna é a violencia contra as mulleres. Os atropelos contra o xénero feminino non apareceron neste século, existen desde que os humanos estamos no mundo. As mulleres, tanto fisicamente como desde o punto de vista legal, sempre estiveron sometidas ao home. Esta situación foi tolerada socialmente ao longo da historia, mesmo chegou a ser aceptada por algunhas representantes do xénero feminino.
As vexacións esténdense por todas as capas da sociedade e danse en todas as idades, dende nenas até mulleres maiores. Exércense no ámbito familiar, pero tamén se producen no terreo laboral e social.
Na maior parte dos países avanzados, as reformas lexislativas que intentan igualar os dereitos de homes e mulleres son moi recentes, das últimas décadas do século pasado. Aínda así, a igualdade está moi lonxe de conseguirse. Podemos ver todos os días nos distintos medios de comunicación noticias que afectan á integridade física, psíquica, sexual e económica das mulleres. Os casos de agresións, insultos, asasinatos, ameazas, violacións, acoso sexual, explotación laboral, discriminación salarial… están moi presentes na nosa sociedade.
Como podemos superar a violencia de xénero? Sendo moi importantes os cambios lexislativos -a clase política ten que traballar arreo neste eido-, o labor da escola cremos que é fundamental, xa que a educación dos nenos e nenas é básica para poder superar este problema. Dende o colexio temos que corrixir todas  as condutas, actitudes machistas e prexuízos contra as mulleres, xa que de aquí van xurdir os abusos e agresións. Debemos educar na igualdade e no respecto ás diferenzas, tamén ás de xénero. Ademais disto, hai que facer un traballo especial coas rapazas para que sexan capaces de identificar os primeiros indicios de violencia machista, e así estar preparadas para enfrontarse a esa situación.
Despois de todo o que acabamos de dicir, coidamos que o labor dos centros educativos é fundamental para mudar as actitudes e o comportamento dos rapaces até acabar máis pronto que tarde con este grave problema que nos afecta a todos, pero que sofren especialmente as mulleres.






VIOLENCIA DE XÉNERO E LITERATURA



A violencia de xénero xa está presente nos primeiros textos e, posteriormente, vai aparecer en miles de páxinas de obras da historia da literatura universal. Este tema vai ser tratado desde distintos puntos de vista, dependendo sempre da idiosincrasia do autor e o contexto socio-cultural no que se produza a narración.


Libros da literatura actual que poden ser interesantes para tratar este tema:


  • Cabeza de Medusa, de Marilar Aleixandre

  • Fundación Libélula, de Yashmina Shwaki

  • El diario azul de Carlota, de Gemma Lienas

  • Atrapada en el espejo, de Gemma Lienas

  • Algún amor que no mate, de Dulce Chacón

  • La segunda mujer, de Luisa Castro

  • El color púrpura, de Alice Walker

  • La mujer de verde, de Arnaldur Indridason

  • Roseanna, de Per Wahlöö e Maj Sjöwall

  • A triloxía Millenium, de Stieg Larsson:

                    Los hombres que no amaban a las mujeres

                    La chica que soñaba con una cerilla y un bidón de gasolina

                    La reina en el palacio de las corrientes de aire







VIOLENCIA DE XÉNERO E CINEMA




Nesta páxina imos atopar 17 títulos de películas que abordan a temática da violencia de xénero.







VIOLENCIA DE XÉNERO E MÚSICA



  • 150 cancións para traballar a prevención da violencia de xénero no marco educativo.


É unha proposta didáctica na que se presentan unha serie de recursos e materiais relacionados coa utilización das cancións como ferramenta didáctica para traballar na aula a igualdade e a violencia de xénero. Están as letras das cancións e hai enlaces a audios e vídeos.


  • Europa FM – Cancións que denuncian a violencia de xénero.







luns, 17 de novembro de 2014

REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA (NOVEMBRO)



 2º CICLO ESO:

 


 Á LUS DO CANDIL




 





 Xuntanza do club de lectura Follas bravas para comentar Á lus do candil. 






ACTIVIDADES:

Á LUS DO CANDIL 

Ademais dos comentarios e análises realizados durante a reunión do club de lectura, o alumnado fixo as seguintes actividades:

  • TRES PISTAS EN BUSCA DUN CONTO 

         Danse tres pistas sobre cada un dos contos que aparecen en Á lus do candil. Con isto, o alumnado debe identificar os relatos que lle correspondan ao seu grupo. Ademais, de forma oral, farán un resumo do conto que veñen de identificar. Para realizar este exercicio daránselles os títulos ordenados de cada unha das historias que conforman a obra.
  




OPINAMOS SOBRE A LECTURA:

Gustoume este libro porque narra historias que me parecen moi interesantes, xa que son similares a outros relatos que se contaban, ata hai pouco tempo, en moitas casas da Galicia rural durante as longas noites de inverno.
Ángela Álvarez López (3º ESO)



Este libro gustoume porque ten contos que meten medo, pero tamén hai outros que resultan graciosos. Destes últimos, o que me pareceu máis divertido foi o que leva por título "O documento".
Iris Otero Gómez (3º ESO)



O momento que máis me gustou deste libro foi cando Antón de Cidrán viu un enterro que resultou ser o seu. Tamén me agradou o relato que leva por título "As meigas acertan sempre".
En xeral, gocei moito coa lectura desta obra. A maior parte dos contos invitan a continuar lendo; con outros, a presenza da morte, fai que sintas arrepíos e que a lectura non sexa tan fluída.
David Pérez López (4º ESO)



Este libro non me gustou porque está conformado por moitas historias diferentes, e  en cada unha delas aparecen personaxes distintos. Isto dificultou que me puidera lembrar do contido de todos os capítulos.
Mohamed Lefsahi (4º ESO)



Eu non son moi partidaria dos libros que están integrados por distintos relatos. Aínda así, esta obra de Fole non me desagradou, posto que as histoiras que se contan son entretidas, bastante interesantes e non resultan difíciles de entender, coas excepcións da primeira e a última.
Ester Gómez Digón (4º ESO)



Nesta libro atopei varios contos que me pareceron interesentes: "Os lobos", "A caixa do morto", "Arxemiro" etc.
A maior dificultade que encontrei cando me puxen a ler Á lus do candil, foi o léxico empregado polo autor, xa que é distinto ao que utilizamos nós habitualemente.
José Luis Gómez Digón (4º ESO)


venres, 14 de novembro de 2014

REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA (NOVEMBRO)


 1º CICLO ESO:

 




OS MEGATOXOS E O APRENDIZ DE DRUÍDA









Aquí estamos os/as integrantes do club de lectura do 1º ciclo da ESO comentando, analizando e realizando diversas actividades sobre a obra de Anxo Fariña





ACTIVIDADES:


 OS MEGATOXOS E O APRENDIZ DE DRUÍDA

Ademais dos comentarios e análises realizados durante a reunión do club de lectura, o alumnado fixo as seguintes actividades:

  • SOPA DE LETRAS
        Deben de localizar o nome de oito personaxes da obra de Anxo Fariña.

  • RELACIONA OS MEGAPERSONAXES COA CARACTERÍSTICA QUE LLES CORRESPONDA
       Teñen que relacionar os distintos personaxes dos Megatoxos con algunha característica     que os individualiza.

  • RELACIONA CADA MEGATOXO COAS SÚAS CARACTERÍSTICAS
        Débense relacionar varias características con cada un dos protagonistas principais da obra.

  • VERDADEIRO OU FALSO
        Dánselles dez enunciados relacionados co contido da novela e eles deben indicar se son verdadeiros ou falsos.

  • TRABALLAMOS O LÉXICO DOS MEGATOXOS
       Hai que identificar 20 palabras que aparecen no libro dos Megatoxos.Tanto nas filas horizontais coma nas columnas verticais, deixamos algunhas consoantes e vogais para que lles resulte máis doado realizar esta actividade.






OPINIÓNS SOBRE A LECTURA:


Pareceume un libro moi bo para a nosa idade; a min gustoume moito, especialmente o final. o que menos me gustou foi o comezo da novela, sobre todo cando están os Megatoxos no colexio. Esta parte do libro cambiaríaa e faríaa máis divertida e fantástica.
Recomendaríalle esta obra a outras persoas, sobre todo a nenos de 11 a 14 anos.
Ilyasse Lefsahi (1º ESO)



Gustoume moito o libro, é divertido e ten partes non realistas. Agradoume ver como os protagonistas acabaron sendo amigos cando antes só eran compañeiros. Tamén gocei moito coas loitas entre os Megatoxos e o monstro. A viaxe ao pasado e o monstro Drunxel foi o que menos me gustou.
Recomendaría este libro porque é moi entretido e ten moita ficción.
Christian Fernández Blanco (1º ESO)




Este libro está moi ben, xa que o léxico é moi básico e resulta fácil de entender. Ademais, as ilustracións fan máis amena a lectura. Gustoume en xeral poque nos conta unha historia na que se dan saltos no tempo, pero que non provoca ningún tipo de confusión.
A parte que me resultou máis amena foi o principio, cando describe os personaxes. Polo contrario, a parte que transcorre no soto do instituto pareceume aburrida ata que Larafuzas os levou á máquina.
Creo que o autor se debera parar máis en describir o resto do alumnado porque case non se fala deles nin do instituto.
Da novela cambiaría a ubicación do Toxo. Poñeríao noutra época. Coido que sería máis interesante.
Recomendaríalle este libro a outras persoas porque, como dixen antes,  é unha lectura moi sinxela e entretida, aínda que non é o meu libro favorito, a outras persoas seguro que lles vai gustar. De todas formas, non me importaría coñecer novas aventuras dos Megatoxos.
Ana Mª Gómez Sánchez (2º ESO)




A min gustoume moito o libro, sobre todo cando se picaron co Toxo. A parte menos interesante pareceume que foi cando lembraron que tiñan que facer un traballo de historia.
Non cambiaría nada da obra porque me gusta tal e como está.
Recomendaría este libro porque está moi ben.
Francisco Mallo Fernández (2º ESO)




Gustoume moito este libro porque nel aparecen a cultura celta, a amizade e, sobre todo, o grupo. Gocei moito coas pelexas dos Megatoxos con Drunxel. Non me gustou cando o monstrol absorveu a Faísca. Creo que o autor debera dar máis información sobre o instituto, xa que case non se di nada del. Eliminaría a parte na que conversan Ruxe e Ninfa. Tamén cambiaría a capacidade que ten Lúa para facer conxuros e poñerílle a capacidade da electricidade.
Non me importaría ler as tres novelas que quedan dos Megatoxos.
Mary Gómez Sánchez (2º ESO)