mércores, 28 de xaneiro de 2015



LECTURAS PARA MARZO


LENDO A MARICA CAMPO


 
Como imos contar coa presenza da escritora do Incio na primeira quincena de marzo no noso centro, aproveitaremos a ocasión para lermos algunha das súas obras narrativas máis sobranceiras.





1º CICLO ESO:




E XOEL APRENDEU A VOAR


Xoel é un neno abúlico, que leva unha vida pasiva e sedentaria. Prefire mil veces estar diante do ordenador ca ir xogar cos amigos. Seus pais prevén a posibilidade de mandalo a un ximnasio, mais a Xoel parécelle innecesaria toda actividade que requira un mínimo esforzo. A súa vida cambiará dunha maneira progresiva na obra. O protagonista vivirá aventuras incribles cos seus amigos, que o levarán a descubrir lugares e segredos inesperados, grazas a unha persoa anónima que parece sabelo todo del.








 2º CICLO ESO:

 CONFUSIÓN E MORTE DE MARÍA BALTEIRA


Unha incursión narrativa no mundo das nosas lendas, máxico e poliédrico; unha revelación do universo feminino (a presenza dignificada de tantas mulleres que se revelan e se rebelan) adoito oculto e in-comprendido; o empeño por corporeizar e materializar vellas personaxes do imaxinario popular, tan real canto ignorado; un no vo deseño do histórico e mais do fantástico, tratados como formas de coñecemento rupturista... Do caos e da fragmentación aparente viaxamos, da man de Marica Campo, ao cosmos peculiar e único dun universo inequivocamente galego. Eis o convite audaz e enriquecedor que a escritora nos formula nesta ducia de novelas en síntese que encerran as páxinas de Confusión e Morte de María Balteira, a obra madura e feita que suporá, de certo, un salto cualitativo na narrativa dos nosos días.


martes, 27 de xaneiro de 2015


REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA (XANEIRO)


1º CICLO ESO


 


EL ASESINATO DE LA PROFESORA DE LENGUA, Jordi Sierra i Fabra







ACTIVIDADES 

Amais dos comentarios e análises sobre o contido do libro, o alumnado presente nesta reunión do club de lectura tamén realizou as seguintes actividades:


  • ORDENAR CRONOLOXICAMENTE

O alumnado ten que ordenar cronoloxicamente dez fragmentos desordenados que se corresponden con outras tantas partes da novela lida.

  • SOPA DE LETRAS

Nesta sopa de letras hai que localizar o nome de dezaseis autores/as de obras que figuran nos títulos de cada un dos capítulos de El asesinato de la profesora de lengua.

  • RELACIONAR

Nesta actividade hai que relacionar títulos de obras da literatura universal citados na novela de Jordi Sierra i Fabra co autor das mesmas. 



OPINAMOS



O libro gustoume moito, paréceme moi entretido. Aos rapaces e rapazas que teñan máis de 12 anos, recoméndolles esta lectura porque aprendes moitas cousas relacionadas coa literatura dunha forma divertida.

Christian Fernández





Gustoume o libro d’El asesinato de la profesora de lengua porque é entretido e fácil de ler. Aos mozos e mozas que lles guste ler seguro que lles vai encantar esta novela.

En xeral, gustáronme todos os personaxes, pero o de Soledad pareceume especialmente interesante polo enfado que ten cos seus alumnos e polas probas ás que os somete.

Álvaro Fernández Lorido





O libro El asesinato de la profesora de lengua pareceume moi interesante. A historia que conta faite reflexionar sobre a actitude negativa dos alumnos sobre algunha materia e de como se pode cambiar iso.

Recomendaríalle este libro a todos os rapaces e rapazas que lles guste ler.

Ilyasse Lefsahi




luns, 26 de xaneiro de 2015


REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA (XANEIRO)


2º CICLO ESO:





REBELDES, Susan E. Hinton





  
ACTIVIDADES:
 

Ademais dos comentarios e análises sobre o contido do libro, durante a reunión do club de lectura o alumnado participante tamén realizou as seguintes actividades:


  • MARCAR A OPCIÓN CORRECTA

O alumnado ten que elixir unha resposta correcta entre tres opcións posibles. As trinta e unha preguntas desta actividade teñen que ver co contido da lectura realizada polos discentes para este mes de xaneiro.

  • ORDENAR DE FORMA CRONOLÓXICA

Nesta actividade o alumnado ten que ordenar de forma cronolóxica trece parágrafos da novela Rebeldes.



OPINAMOS


Este libro gustoume moito por como se trata o delicado tema das clases sociais e a marxinación. É unha historia tenra e violenta ao mesmo tempo. Gocei moito con todos os personaxes, pero especialmente con Ponyboy, porque me sinto identificada con el, xa que aos dous nos gusta ler e, ademais, eu tamén sei o que significa ser a máis pequena da familia. Darry foi outro dos personaxes que me gustou. Paréceme importante o seu papel de irmán maior que ten que exercer de pai. Isto coido que ten que ser moi complicado para un rapaz tan novo coma el, aínda que sexa unha persoa moi madura. Outro personaxe interesante é Dally, que semella ser frío, maleducado e indiferente para esconder a dor que sente ao estar só. Ao ler este libro notei a fraternidade existente entre eles, porque todos se sentían un pouco sós. Non me importaría que actualizasen este libro. En xeral gustoume moito.
Ana María  Gómez Sánchez





O libro Rebeldes gustoume moito porque describe ben os personaxes e os lugares nos que se desenvolve a acción. Mantense a intriga ao longo das súas páxinas, o que fai que a medida que avanzamos na lectura queiramos saber máis cousas da historia. O que menos me gustou foi o final da historia, gustaríame que pasasen máis cousas antes do remate.

Mohamed Lefsahi





O que máis me gustou de Rebeldes foi o momento no que Jhonny mata a Bob, porque a partir deste intre os sucesos que pasan obrígante a que sigas lendo.

O personaxe co que máis me identifiquei foi Ponyboy, pola súa forma de ser e de actuar nos momentos máis críticos.

Recomendo a lectura deste libro. A min, ao principio, pensaba que non me ía gustar, pero unha vez que empecei a ler descubrín que as persoas poden vivir a súa vida dende diferentes puntos de vista. Por iso creo que todos os adolescentes deberían ler esta novela.

David Pérez López