mércores, 26 de xaneiro de 2022

Actividade de escritura libre do Club Follas Bravas coa autora Ana Meilán

Para rematar o trimestre, visitounos a nosa serea particular: Ana Meilán. Da súa man somerxémonos nas augas do seu libro: O que a serea esqueceu. E así navegamos ata o escuro mundo do Alzeimer. Esa enfermidade que nos rouba os nosos bens máis prezado: os nosos recordos, o noso pasado, os nosos intres, a nosa identidade...
Con ela percorremos ese océano inmenso da memoria e nesas inmersións fomos quen de verbalizar os nosos QUEROS e os nosos fermosos recordos: un arrecendo, un sorriso, un aloumiño, un quérote, unha aperta, un beixo...
E todos eses recordos repousan para sempre na terra que nos viu nacer, en Navia, á espera da chegada do peixe anano, verde e choutador que, sen dúbida, sairá vencido desta lea.

GRAZAS ALUMNADO polos vosos ilusionados QUEROS que cumpriredes, sen dúbida, na vosa singradura.
GRAZAS ANA e que a memoria te acompañe sempre.


































Primeira reunión do Club Follas Bravas coa temática da muller

 

O 21 de decembro tivo lugar a primeira reunión oficial do Club de lectura Follas Bravas, que contou coa participación do alumnado de secundaria e varios profesor@s do centro. O tema, previsto para o mes de novembro, non podía ser outro que A MULLER. O Equipo da biblioteca do CPI de Navia fixo unha selección de recomendacións pero as lecturas foron moito máis alá xa que non hai como facer unha pequena busca para atopar un universo sen fin de libros que denuncian, achegan e dan resposta ás dificultades que aínda a día de hoxe se enfronta a metade da poboación mundial. Pódense ver as escollas dos membros do club no Padlet do mesmo. 
 
Comezamos a sesión formando un gran círculo na aula do club e alí fixemos as achegas dos volumes elixidos, o que nos levou á discusión e debate de datos históricos así como de políticas que de maneira directa afectan ou limitan os dereitos das mulleres. 
 
A resposta do alumnado foi moi positiva, participando activamente a gran maioría d@s alumn@s e facéndo achegas moi variadas en canto ás lecturas.
Por último, decidimos o tema da seguinte sesión: "o thriller" e acto seguido degustamos un riquísimo chocolate con churros. Un peche de ouro para a nosa sesión das Follas Bravas!